Estonia na Wikipedia: máis de 500 artigos novos nun Wikiconcurso multilingüe 

Translate this post

O Wikiconcurso: Reto de Estonia 2026 concluíu con resultados relevantes para a mellora e ampliación do contido libre sobre Estonia en Wikipedia. Durante o mes de abril, Wikimedia EstoniaWikimedia EspañaAmical WikimediaEuskal Wikilarien Kultura Elkartea e a Galipedia impulsaron unha nova edición desta iniciativa colaborativa, co obxectivo de facer medrar a presenza de contidos relacionados con Estonia en diferentes linguas. 

A edición de 2026 reforza o papel da colaboración entre as comunidades lingüísticas como unha vía eficaz para reducir fendas de contido e arrequecer os proxectos Wikimedia dende unha perspectiva internacional e multilingüe. 

Resultados do Wikiconcurso Estonia 2026 

Entre o 1 e o 30 de abril de 2026, o concurso rexistrou: 

  • 45 persoas participantes  
  • 767 páxinas editadas  
  • 525 artigos creados dende cero  

Estes datos reflicten unha actividade sostida durante todo o mes, cun peso especialmente significativo da creación de novos artigos dentro do total de edicións feitas. 

Participación por comunidades lingüísticas 

O concurso desenvolveuse en cinco edicións de Wikipedia: catalán, castelán, estoniano, éuscaro e galego, coa seguinte distribución de resultados: 

  • Wikipedia en catalán: 6 participantes, 74 artigos editados (18 novos)  
  • Wikipedia en castelán: 2 participantes, 18 artigos editados (18 novos)  
  • Wikipedia en estoniano: 19 participantes, 252 artigos editados (195 novos)  
  • Wikipedia en éuscaro: 14 participantes, 329 artigos editados (291 novos)  
  • Wikipedia en galego: 4 participantes, 94 artigos editados (75 novos)  

As comunidades de éuscaro e estoniano concentraron o meirande volume de edicións e creación de contidos, seguidas polo galego e o catalán, mentres que a Wikipedia en castelán contribuíu cunha participación máis miúda en termos numéricos, mais con creación íntegra dos artigos editados. 

Máis coñecemento libre sobre Estonia na Wikipedia 

O Wikiconcurso permitiu ampliar de xeito significativo a cobertura de contidos sobre Estonia na Wikipedia, tanto en cantidade como en diversidade lingüística. Este tipo de iniciativas contribúe a equilibrar a representación de contidos entre versións idiomáticas e a fortalecer o acceso ao coñecemento libre dende distintos contextos culturais.

Ademais, o proxecto pon de manifesto o valor do traballo distribuído entre comunidades Wikimedia, que permite abordar de maneira coordinada a mellora de contidos enciclopédicos en múltiples linguas de xeito simultáneo.

O Wikiconcurso: Reto de Estonia é unha iniciativa conxunta de Wikimedia Estonia, Wikimedia España, Amical Wikimedia, Euskal Wikilarien Kultura Elkartea e a Galipedia, que se consolidou como un espazo de cooperación estábel entre comunidades lingüísticas.

Alén da dinámica competitiva, o proxecto promove o intercambio de experiencias editoriais, a coordinación entre grupos de voluntariado e a creación de redes de colaboración internacionais dentro do movemento Wikimedia.

Achegas das comunidades participantes 

O impacto do concurso vai alén das cifras globais. No caso de Amical Wikimedia, as achegas centráronse especialmente na creación de artigos clave para entender o contexto histórico e cultural de Estonia, como a Idade de Ferro en Estonia, Estonia baixo a dominación sueca, a roupa tradicional de Estonia ou o Día da Restauración da Independencia. Este tipo de contidos non só amplía a cobertura enciclopédica, senón que permite construír unha comprensión máis estruturada do país, situando a súa historia dentro de marcos máis amplos e conectados.

Dende Wikimedia Estonia, o concurso amosou con claridade o potencial de Wikipedia como espazo de encontro entre culturas que non sempre comparten proximidade xeográfica ou lingüística. Alén da creación de artigos, a iniciativa favoreceu un fluxo bidireccional de coñecemento, mellorando a visibilidade de Estonia en distintas linguas e achegando tamén contidos en castelán á Wikipedia en estoniano. O proxecto viviuse como un proceso de descubrimento mutuo, no que a edición se converte tamén nunha forma de aprendizaxe e de intercambio cultural.

Pola súa banda, a comunidade de Euskal Wikilarien Kultura Elkartea tivo un papel especialmente salientable nesta edición, con 219 artigos creados ou mellorados e máis de 61.000 palabras engadidas durante o mes de abril. Estas cifras reflicten non só unha alta capacidade de mobilización, senón tamén unha implicación sostida no tempo que sitúa a comunidade en éuscaro entre as máis activas do concurso. Máis aló dos datos, a experiencia reforza o papel das linguas minorizadas como axentes activos na construción do coñecemento libre e na cooperación internacional dentro do movemento Wikimedia.

Na Wikipedia en galego, o concurso consolidouse como unha experiencia especialmente significativa de colaboración interlingüística. A creación de novos artigos contribuíu a ampliar a presenza de Estonia en galego, ao tempo que fortaleceu a integración da comunidade nunha rede de cooperación internacional cada vez máis estábel. Esta edición reforza a idea de que as Wikipedias en linguas minorizadas non funcionan de forma illada, senón como parte dun ecosistema global onde a colaboración entre comunidades multiplica o alcance e a calidade do coñecemento libre.

Compromiso co coñecemento libre 

Dende Wikimedia España valoramos moi positivamente os resultados desta edición do Wikiconcurso. O traballo conxunto das comunidades, contribúe de forma directa a fortalecer o coñecemento libre e a mellorar a cobertura de contidos sobre Estonia nos proxectos Wikimedia. 

Iniciativas como esta reforzan o noso compromiso coa colaboración internacional, a diversidade lingüística e a construción dunha enciclopedia libre máis completa, accesible e representativa. 

Can you help us translate this article?

In order for this article to reach as many people as possible we would like your help. Can you translate this article to get the message out?