Porto Meeting 2023: unha oportunidade para fortalecer as comunidades wikimedistas en linguas minoritarias e minorizadas

Entre os días 16 e 18 de xuño de 2023 tivo lugar Porto Meeting 2023, un encontro de comunidades wikimedistas en linguas minorizadas e minoritarias. Celebrouse no Porto, na Facultade de Letras da Universidade do Porto e no Instituto Pernambuco, e foi organizado de forma conxunta por Wikimedia Portugal (WMPT), Wikimedia España (WMES), Wikimedia Italia (WMIT), CODA-Centre for Digital Culture and Innovation, e a Facultade de Letras da Universidade do Porto (FLUP).

Durante o evento, 27 participantes, tanto do ámbito académico como de Wikimedia, e en representación de dez comunidades lingüísticas -asturiano, catalán, español, éuscaro, estremeño, italiano, galego, mirandés, lombardo e portugués- compartiron as súas experiencias, logros, dificultades e retos para promover a diversidade lingüística nos proxectos Wikimedia. O espazo supuxo unha oportunidade para traballar en rede e explorar formas de unir esforzos de cara ao

Como xorde Porto Meeting

A idea deste encontro xurdiu nunha conversa en Wikimedia Conference 2017, a partir da cal un grupo de wikimedistas de diversas comunidades propuxeron un encontro no Porto arredor das linguas minoritarias de varios países europeos. O evento programouse para os días 16-18 de novembro de 2018, pero por distintos motivos finalmente non se puido levar a cabo.

En novembro de 2022, durante as IX Xornadas de Wikimedia España en Almería, varias persoas de Wikimedia España e Wikimedia Portugal falaron sobre a organización de proxectos conxuntos, a posibilidade dun encontro transfronteirizo e como darlles soporte ás comunidades de Wikipedia en mirandés e en estremeño. Nese contexto, rescatouse a proposta de Porto Meeting, e tanto a Wikimedia Portugal como a Wikimedia España lles pareceu ben ir adiante coa organización dun evento que permitiría tecer alianzas entre distintas comunidades Wikimedia. Posteriormente, durante Iberoconf 2023 en Bogotá, compartiuse dita proposta con Wikimedia Italia, quen se sumaron á organización do encontro.

Todo o labor de organización do evento foi compartida entre os tres capítulos a través dun equipo de seis persoas e igualmente os gastos, incluíndo aloxamento, transporte e comidas, se cubriron con achegas por parte das tres organizacións.

PortoMeeting
Unha das sesións no Instituto Pernambuco.

Programa

Ao longo dos tres días o programa acolleu 22 sesións entre mesas redondas, presentacións, obradoiros e discusións. O primeiro día centrouse no aspecto académico das linguas minoritarias e minorizadas, mentres que nos outros dous restantes Wikipedia e os seus proxectos irmáns foron os protagonistas. 

Durante a primeira xornada, logo da benvida institucional, as persoas asistentes puideron coñecer distintos aspectos dos proxectos Wikimedia máis emblemáticos, como Wikipedia, Wikidata ou Commons, e as súas posibilidades para as linguas minoritarias. Seguiulle unha mesa redonda con poñentes da propia Universidade do Porto na que se trataron distintos aspectos que afectan a estas linguas, como a falta de recoñecemento e de prestixio, a invisibilización dos seus falantes, ou a importancia da súa preservación como forma de conservar o legado dos nosos antepasados.

A tarde continuou cos proxectos de conservación de linguas minoritarias por parte do Centro Interdisciplinar de Documentação Linguística e Social (CIDLeS); a súa importancia como parte da nosa identidade, a necesidade de considerar e planificar para o futuro ou suxestións para levar a cabo ditos proxectos. Para acabar a xornada seguiron tres sesións sobre o mirandés, o asturiano e as linguas de Estremadura, nas cales se ofreceu un percorrido pola historia de cada lingua, os fitos da súa preservación, así como a súa situación actual e perspectivas de futuro.

Porto Meeting
Foto de grupo.

A segunda xornada comezou con cinco presentacións nas cales representantes de Wikipedia en asturiano, catalán, éuscaro, estremeño e galego ofreceron un repaso á historia do proxecto, os problemas aos que se enfrontan, a relación coas institucións, o estado de cadansúa comunidade, ou proxectos que levan ou levaron a cabo. En relación a Wikidata, tivemos un obradoiro sobre como incluír datos lexicográficos, a súa importancia, e as aplicacións posteriores que se poden beneficiar de dito contido.

Seguiu unha sesión sobre Language Diversity Hub, na cal por exemplo se expuxeron problemas que afectan á representación da diversidade lingüística de África en Wikipedia, como a conectividade a Internet, con menos posibilidades de contribuír en Wikipedia, ou a ausencia de competencias dixitais. Desde Italia, coñecemos unha colaboración entre Wikimedia Italia e o Departamento de Literatura e Linguas estranxeiras da Universidade de Verona, a través da cal organizaron varios laboratorios wiki con estudantes, que implicaron a tradución de contidos entre distintos idiomas. Por último, coñecemos a serie de editatóns temáticos sobre lingua catalá -logo ampliados a outros temas- que se veñen organizando en Wikipedia en catalán desde 2013.

Na terceira e última xornada comezamos con outra sesión sobre o mirandés, seguida de dúas presentacións sobre o estado de Wikipedia en mirandés e en lombardo, así como no resto de linguas rexionais de Italia, coa súa situación actual e os problemas comúns a que se enfrontan. A continuación fíxose un repaso ás distintas accións que Wikimedia España vén levando a cabo ou apoiando a prol da diversidade lingüística, incluídos encontros, editatóns ou merchandising.

Futuro

A última sesión do terceiro día dedicámola a falar sobre o propio encontro e sobre cales perspectivas de futuro viamos logo deste primeiro paso. A acollida entre quen participaron foi moi boa, e así sinalaron como serviu para compartir e xerar proxectos e iniciativas, aprender do resto, e traballar a prol da dinamización e visibilidade das linguas minoritarias e minorizadas, e valoraron a mestura de idiomas, pois na nosa memoria wikimedista, este evento foi o primeiro en que cada persoa puido falar na súa lingua e ser comprendida, agás no caso do éuscaro.

Por todo isto, as diversas comunidades mostraron o seu interese en continuar compartindo de forma virtual e presencial experiencias, de xeito que se poidan articular estratexias conxuntas para dar resposta a necesidades, compartir recursos e aprender conxuntamente.